Thursday 09 de May de 2024

Nava Castro subliña a excelencia turística da comunidade como motor da economía galega


Enxalza o Real Club Náutico da Coruña como un referente ao conseguir unha das 18 bandeiras azuis e unha das 12 Q de Calidade concedidas a portos deportivos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou a excelencia turística de Galicia como motor da economía galega e unha garantía para o visitante xa que a Comunidade conta con 141 bandeiras azuis e 274 Q de Calidade, ocupando as primeiras posicións no conxunto do estado español. A directora fixo estas declaracións durante o acto de izado da bandeira azul e da Q de Calidade no Real Club Náutico da Coruña.

Nesta liña, a directora fixo fincapé en que o Real Club Náutico da Coruña é un referente de calidade ao ter unha das 18 bandeiras azuis concedidas a portos deportivos galegos e unha das 12 Q de Calidade concedidas en Galicia a instalacións náutico-deportivas.

A directora explicou que estes recoñecementos fan de Galicia un destino que é garantía de calidade e excelencia turística para o visitante xa que gozará das mellores praias, infraestruturas portuarias e servizos en bodegas, balnearios, aloxamentos e establecementos de restauración, entre outros.

Nava Castro avogou por unir a calidade con unha oferta ampla e innovadora. Deste xeito, expuxo que esta excelencia do turismo, unida ás propostas e aos produtos diferenciadores que está a impulsar Turismo de Galicia, será motor no desenvolvemento económico da Comunidade.

Nesta liña, Nava Castro afirmou que produtos innovadores como a Ruta da Lamprea, a Ruta da Camelia, os trens turísticos do programa “Galicia a todo tren”, os cruceiros costeiros polas rías de Galicia, os centros BTT, a Ruta dos Viños polas cinco denominacións de orixe galegas ou o Outono Gastronómico, que combina gastronomía e estanzas en casas de turismo rural, farán de Galicia un destino multiexperiencial atractivo para novos fluxos turísticos os 365 días do ano.

Así mesmo, a directora avogou por impulsar o potencial da Comunidade no eido do turismo náutico, que ten en Galicia 1.659 km de costa e 16 rías para a súa práctica, ou do turismo enolóxico, sector no que Galicia despunta ao ter o maior número de certificacións de calidade no sector do turismo industrial, por riba de comunidades cunha gran tradición vitivinícola como son A Rioxa ou Castela e León.

Datos récord no número de viaxeiros
A directora afirmou que con esta liña de actuación se conseguirán datos aínda máis positivos en canto aos visitantes e ao tempo que permanecen na Comunidade. Neste sentido, Nava Castro explicou que nos primeiros cinco meses de 2016 Galicia acadou o máximo histórico de 1.337.393 viaxeiros, o que supón un incremento do 6,4% con respecto ao mesmo período do pasado ano, e 2,41 millóns de pernoitas, un 6,5% máis que nos mesmos meses de 2015.

Así mesmo, segundo dixo a directora, o turismo nacional subiu nese período un 6,2% no tocante ás pernoitas e un 6,5% no que atinxe aos viaxeiros, acadando as cifras máis elevadas dos últimos seis anos, e o turismo internacional incrementou nun 7,7% as súas pernoitas e nun 6,0% os seus viaxeiros, conseguindo máximos históricos con preto de 350.000 viaxeiros e máis de 556.000 pernoitas.